Ana I. Vázquez: ‘Pontevedra é pioneira na fusión de devoción e diversión’

PONTEVEDRA>

 

A Deputación de Pontevedra vén de presentar un libro no que recolle 46 festas da provincia, as que contan con distintivo de interese turístico autonómico, nacional ou internacional. A publicación, en formato guía para poder actualizarse máis facilmente, pode conseguirse no Patronato de Turismo Rías Baixas.

 

 

A Guía de Festas de Interese Turístico da provincia de Pontevedra preséntase en formato de arquivo, con fichas sobre cada unha das 46 celebracións que contan nestes intres co distintivo de Interese Turístico. Optouse por este deseño para facilitar a actualización, e non ter que reeditar un libro completo cando se precise incorporar unha nova ficha.

 

A guía divídese en tres bloques: as festas de Interese Turístico Autonómico, como o Belén de Valga, a Feira Franca de Pontevedra, o Carneiro ó Espeto de Moraña ou a Semana Santa de Paradela; as catalogadas como de Interese Nacional, caso do Marisco do Grove, O Albariño de Cambados ou San Roque, en Vilagarcía; e as de Interese Internacional: tres, entre elas os Vikingos de Catoira.

 

A estas 46 fichas en breves se incorporarán outras catro, as das últimas celebracións en recibir as distincións de interese turístico: a festa da Lagosta da Guarda, a da Rosa en Mos, a do Mexillón e o Berberecho en Vilanova e a da Ameixa de Carril. A guía está dispoñible en castelán e en inglés, xa que ten vocación de servir ós turistas que visitan a provincia. Non se descarta ampliar a novos idiomas, como o portugués e o francés.

 

Nesta primeira tirada editáronse 1.500 exemplares. Poden adquirirse no Patronato de Turismo Rías Baixas.

 

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/06/guiafestasdepo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/06/LIBRO_FESTAS_DEPUTACION.mp4{/flowplayer}