O Centro de Transfusión e Adrovi buscarán doantes mañá en Caldas

CALDAS> Os hospitais galegos precisarán ao redor de 40 mil doazóns de sangue entre os meses de xuño a setembro. O Centro de Transfusión de Galicia advirte que son necesarias unha media de entre 400 e 500 diarias para poder atender a demanda. Mañá estarán en Caldas xunto á asociación de doantes de órganos, Adrovi, para concienciar desta necesidade.

 

Entre xuño e setembro, os hospitais galegos demandarán ao redor de 40 mil doazóns para poder cubrir as necesidades dos pacientes.

Facendo as contas, son entre 400 e 500 doazóns diarias. Para conseguir esta cifra, o Centro de Transfusión percorre Galicia coa súa unidade móbil, que mañá fará parada en Caldas. Neste concello existen 1177 doantes censados no centro.

A unidade móbil compartirá mañá espazo coa mesa informativa da asociación de doantes de órganos Adrovi, que hai xa catro anos que se achegan a Caldas con esta campaña.

Adrovi fai agora especial fincapé na concienciación sobre a necesidade de doazóns de medula. Unha intervención na que España está aínda moi por detrás doutros países.

Nesta campaña, o Centro de Transfusión e Adrovi contarán co apoio do concello caldense, aproveitando o tirón do Cultura Quente e doutras das actividades programadas para estas datas.

Tanto a unidade móbil para a doazón de sangue como a mesa informativa de Adrovi situaranse durante toda a xornada no Paseo de Caldas, ao lado do centro de saúde.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/06/campana_organos_caldas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/06/campana_organos_caldas.mp4{/flowplayer}