Noia centralizará os servizos de emprego para toda a comarca

ricardovarelaennoia_100_180107.jpgNOIA > A Consellería de Traballo investirá 300 mil euros na construción da oficina de emprego de Noia.

Mediante esta inversión, a Consellería de Traballo pretende fomentar a intermediación entre o traballador e as necesidades do mercado laboral nesta comarca. A nova oficina dará servizo a máis de sesenta mil habitantes dos concellos de Muros, Outes, Noia, Lousame, Mazaricos e Porto do Son, evitando así que teñan que desprazarse ás dependencuas ubicadas en Boiro e en Cee para realizar os trámites en materio de emprego.

As novas instalacións, que contribuirán á centralización do servizo nun só punto, emprazaranse en Noia aínda que polo momento non se sabe o lugar exacto da súa ubicación. A intención da administración autonómica é que o servizo estea operativo ó longo deste ano.

Automatización

A creación desta oficina é un paso máis na reforma que está a levar a cabo a Consellería de Traballo na rede de emprego público de Galicia potenciando os procesos de automatización de cargas de traballo. Neste sentido, estanse a habilitar puntos de información dixitais en distintos concellos, tales como Rianxo ou ribeira, para que os demandantes de emprego poidan acceder a toda a información precisa así como realizar unha serie de trámites sen necesidade de desprazarse.

Ademais de anunciar este importante investimento durante a xuntanza coa Asociación de Empresarios de Noia, o Conselleiro de Traballo escoitou as principais demandas e necesidades do sector para, deste xeito, contribuír á mellora do servizo dende o seu departamento.

Tralo encontro cos empresarios, Ricardo Varela ofreceu unha charla na casa da cultura noiesa na que expuxo as características do actual mercado de traballo así como a necesidade de mellorar as condicións de empregabilidade dos demandantes a través da itinerarios de inserción profesional axeitados.

Redacción Barbanza