Ruíz apela á responsabilidade da oposición para garantir a gobernabilidade

    RIBEIRA> O executivo en minoría de Manuel Ruíz non conseguiu sacar adiante a proposta de organización do goberno. Agora a pelota está sobre o tellado dos grupos da oposición. De non ser capaces de artellar unha alternativa de goberno, o alcalde volverá a convocar o pleno para o próximo luns cando remata o prazo legal. Malia a existencia dun acordo previo entre tres grupos, a oposición de Ribeira, coa excepción da ex edil popular Lola Elorduy, votou en contra da proposta de organización de Ribeira. O executivo en minoría de Ruíz non foi quen de sacar adiante a súa estrutura que inclúe dúas dedicacións exclusivas e tres cargos de confianza: a secretaria, o responsable de prensa en un auxiliar de servizos sociais. O alcalde defende a viabilidade deste organigrama cun aforro de máis de douscentos mil euros durante catro anos. Cartos que se poderán destinar a outras necesidades como os fins sociais xa que se comprometeu, por escrito, a investir o aforro do presente ano en axudas á escolarización e o fondo de emerxencia. Tralo acontecido no pleno de onte, Manuel Ruíz fai un chamamento á responsabilidade instando á oposición a artellar unha alternativa de goberno a travçes dunha moción de censura ou a retomar as conversas para consensuar unha proposta de organización do executivo. De non ser así, dixo o rexedor, Ribeira estaría abocada a unha situación de ingobernabilidade.