RIBEIRA> O Museo Municipal de Ribeira vén de ampliar os seus fondos grazas á doazón dun veciño. Trátase dunha maqueta a escala do vapor Santa Isabel elaborada artesanalmente por Juan Antonio Varela.
Os visitantes ó museo municipal de Ribeira poden disfrutar dende hoxe mesmo desta nova obra que se expón nas súas instalacións. Esta maqueta do Santa Isabel reproduce á escala tódolos elementos da embarcación que hai máis dun século naufragaba fronte á costa da illa de Sálvora.
É obra de Juan Antonio Varela, mariñeiro xubilado e maquetista por afección que leva anos confeccionando coas súas propias mans maquetas de todo tipo de embarcación. Aínda que a súa especialidade son os galeóns, tampouco se lle deu nada mal este vapor no que investiu preto de seis meses de traballo.
Dada a importancia do Santa Isabel na historia de Ribeira, Juan Antonio Varela quixo ceder a súa maqueta ó museo para que poida ser contemplada por tódolos veciños e visitantes.