A Pobra oferta un curso para a obtención do título de Secundaria

    POBRA> O concello da Pobra oferta un curso de preparación das probas libres da ESO que se celebran o nove de setembro. Esta acción formativa é posible grazas a un convenio coa empresa SEFORGASA. A integración no mercado laboral a través da formación era unha das premisas recollidas no programa electoral de Nós Pobra. Para darlle cumprimento, o concello asinou un convenio coa empresa de formación SEFORGASA que impartirá un curso para a preparación das probas da ESO por libre. Esta acción formativa non suporá custo algún para as arcas municipais xa que o concello colabora publicitando o curso e xestionando as inscricións. Os interesados deberán aboar unha taxa de cen euros. Dispoñen ata o venres ás once da mañá para presentar a solicitude no rexistro do concello acompañada dunha copia do DNI.