Verán e cultura van da man na Pobra

    POBRA> A Pobra conta este verán cunha ampla programación cultural enmarcada na rede de circuítos de Deputación e no programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia. Haberá música, baile, teatro, circo e, sobre todo, animación infantil. Co obxectivo de programar unha oferta variada para tódalas idades, o departamento de Cultura da Pobra botou man das propostas máis innovadoras para que os meses de xullo e agosto ninguén se aburra no concello. Destaca este ano o número de espectáculos de novo circo, unha modalidade artística que gaña cada vez maior terreo. No apartado de música e baile destacan a vixésima edición do encontro de habaneras, o cuarto encontro de agrupacións tradicionais ou o espectáculo ‘A Pobra Baila’ de El Tomasón. Aínda que si hai actividades que abondan no programa estival esas son as destinadas ó público infantil. O garabato dos xogos, o mago romarís co seu espectáculo de Ilusións Ópticas ou a festa de peche con Maxia e Animación a cargo de Duendesico compoñen unha oferta insuperable para os pequenos da casa. A maior parte das actividades están programadas para as oito e media da tarde e desenvolveranse maioritariamente na Praza do Emigrante e no Cantón da Leña.