Piden catro anos e medio de cadea para un acusado de abusar da filla da súa parella

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/14/xuizo_abusos_sexuais.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/14/xuizo_abusos_sexuais.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> Un veciño de Valga enfróntase a unha pena de catro anos e medio de prisión, acusado de abusos sexuais á filla da súa exparella. Os feitos denunciados sucederon o ano pasado, cando a pequena tiña seis anos. A avogada da defensa, pola súa banda, pediu a absolución porque considera que as declaracións das testemuñas foron contraditorias.

Os supostos feitos sucederon o ano pasado, cando o acusado, un veciño de Valga de 33 anos, compartía domicilio coa nai da pequena que por aquel entón tiña seis anos. Tamén cun fillo en común de dous.

O home deixara o traballo e era el quen se encargaba dos rapaces cando a muller marchaba a traballar. Supostamente, era nestes momentos cando cometía os abusos sexuais contra a pequena. Foi a propia nena a que relatou esta situación á súa tía.

A pequena trasladou tamén esta versión á asistente social e aos forenses. Os peritos que prestaron declaración hoxe ante o xuíz aseguran que o relato da nena é crible, e non detectaron nela secuelas psicolóxicas.

O procesado, pola súa banda, negou en todo momento as acusacións. O home presenta un lixeiro retraso mental, pero que, segundo unha perito, non limita as súas capacidades para comprender a ilicitude dos feitos que se lle atribúen.

A Fiscalía pide para el unha condena de catro anos e seis meses de prisión e a prohibición de aproximarse a menos de 300 metros da nena ou comunicarse con ela durante seis anos. A avogada defensora, pola súa banda, mantivo a inocencia do procesado, e destacou as contradicións e as imprecisións das declaracións da nai e da tía da suposta vítima. O xuízo quedou visto para sentenza.