O alcalde de Noia renuncia á dedicación exclusiva

NOIA> A corporación noiesa celebrou o pleno de organización. Foi esta mañá e nela procedeuse á aprobación da composición do novo goberno e das comisións. O alcalde Santiago Freire decidiu renunciar á dedicación exclusiva. Aínda así haberá catro: tres para o Partido Popular e unha para o seu socio de goberno, o NOIA.

Santiago Freire non cobrará por exercer as súas funcións como alcalde de Noia. O rexedor renuncia a percibir un soldo das arcas públicas e volverá a súa actividade profesional coma inspector veterinario. Este cambio provocará a necesidade de realizar unha reestruturación no goberno, establecéndose deste xeito catro dedicacións exclusivas, tres para o Partido Popular: Laura Salgado, Mariola López e Martín Fernández Godón; e unha para o Noia, que percibirá a a tenente alcalde e delegada de Relacións Veciñais, Marisol Villar.

Aínda que dende o goberno trataron de xustificar que a proposta virá a mellorar a atención que se lle presta ós veciños cada día e suporá un gasto para as arcas municipais similar a do mandato anterior,  non caeu ben na oposición, sinalando que se trata dun gasto desproporcionado.

A proposta de composición e retribucións polas asistencias ás comisións informativas foi tamén moi criticada pola oposición.

Na sesión aprobouse tamén a periodicidade dos plenos que se celebrarán como se viña facendo ata o de agora cada mes.