O GroBus levará a veciños e turistas por todo o municipio por un euro

    GROVE>

     

    A partir de hoxe veciños e turistas do Grove contan cunha liña de autobús que conectará o casco urbano con toda a península meca por un euro. A Asociación de Hostaleiros do Grove pon así a andar unha iniciativa pioneira coa que agardan non só favorecer a mobilidade, senón tamén reducir o tráfico no municipio e mellorar a calidade do medio ambiente. Ofrecerá 12 liñas regulares de once da mañá a seis da madrugada.

     

     

    Desde hoxe, un autobús de liña regular conectará o centro urbano do Grove con tódolos recunchos da península meca e A Toxa. O GroBus bota a andar coa intención de ofrecer servizo tanto ós veciños como ós turistas que cada ano visitan o municipio.

     

    O billete de autobús terá un prezo único dun euro e pode adquirirse en calquera dos 70 establecementos que participan nesta iniciativa. Tamén se pode mercar no propio autobús, aínda que neste caso terá un custe de 1,40. De calquera xeito é un ticket reembolsable. É dicir, poden obterse descontos ou a devolución de todo o importe.

     

    O GroBus está adaptado para dar servizo a persoas con discapacidade. Funcionará de 11.00 do día a 06.00 da madrugada. No seu percorrido, duns 45 minutos de duración, realizará 20 paradas .

     

    Non é a primeira vez que se intenta poñer en marcha unha iniciativa semellante pero nunca chegou a bo porto.

     

    Desta volta desde a Asociación de Hostalaría confían en que o servizo teña boa acollida e incluso se poida promover como parte de paquetes turísticos e en feiras nas que participe o concello.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/14/GROBUS.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/14/GROBUS.mp4{/flowplayer}