Rianxo continúa coas celebracións das festas da Guadalupe

    RIANXO> O acto central desta fin de semana foi, sen dúbida, a multitudinaria procesión marítima. Un ano máis os rianxeiros volcáronse coa Virxe da Guadalupe na súa tradicional procesión marítima. centos de veciños e visitantes quixeron arroupar á Moreniña na súa travesía pola ría. A comitiva partía pasada a unha da tarde da capela do Campo onde se celebrou a misa solemne. De aí ó porto onde máis de trinta embarcacións agardaban á virxe para seguila no seu tradicional paseo marítimo. Entre as autoridades presentes, o propio alcalde, Adolfo Muíños, que quixo sumarse tamén a esta homenaxe á virxe mariñeira. Tanto por mar coma dende terra miles de fieis presenciaron emocionados a procesión que puxo a guinda ós festexos que durante a fin de semana encheron as rúas e prazas de Rianxo. Dende o venres pola noite, co chupitaso, e o posterior pregón o sábado a cargo de Eva Iglesias, as actividades fóronse sucendendo ca participación de centos de persoas que non dubidaron en achegarse ata a vila para disfrutar dos festexos. Por diante, queda aínda toda unha semana de festas que culminarán o próximo venres coa tradicional cantata da rianxeira na que miles de bengalas alumearan, na praza Castelao, unha noite máxica.