O Porto de Pedras Negras duplica os tránsitos de embarcacións recreativas

O GROVE>

 

O Porto de Pedras Negras, no Grove, recibiu no que vai de ano máis do dobre de embarcacións de náutica recreativa que no mesmo período do ano pasado. É o ascenso máis destacado entre as dársenas de Rías Baixas, aínda que todas as do litoral galego rexistraron no primeiro semestre deste 2015 unha subida xeralizada nos tránsitos.

 

 

Preto de 1.900 embarcacións de náutica recreativa recalaron durante o ano pasado nalgún dos portos do litoral galego. Se o 2014 se pechaba cunha cifra histórica, este ano vai camiño de superala, porque mediado o 2015, o número de tránsitos xa superou nun 13 por cento os rexistrados entre xaneiro e xuño do ano pasado. Case un 18 e medio por cento se miramos só cara os portos das Rías Baixas.

 

Entre os ascensos máis destacados, o rexistrado polo Porto Deportivo de Pedras Negras, no Grove, que duplicou o número de tránsitos neste primeiro semestre pasando de 23 no 2014 a 69 neste 2015. Tamén o de Combarro está a marcar récord cun 113% máis de tránsitos. Pasou de 95 a 203 neste semestre.

 

Desde Portos de Galicia atribúen estes bos resultados ás accións de promoción que se están a realizar neses países dos que proceden a meirande parte das embarcacións. É dicir, no norte de Europa, xa que Galicia se atopa nun enclave estratéxico nas súas singraduras cara o Mediterráneo.

 

Desde o ente preparan xa as novas accións promocionais que porán en marcha despois de agosto, con visitas de novo a salóns náuticos como o de París ou o da Rochelle ou misións inversas con xornalistas especializados.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/17/nauticaportos.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/17/NAUTICA_PORTOS.mp4{/flowplayer}