Luisa Piñeiro dimite como delegada da Xunta trala condena por fraude e prevaricación

PONTEVEDRA> A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra dimite tras ser condenada por prevaricación e fraude. Luisa Piñeiro anunciaba aos medios a súa decisión horas despois de coñecerse a sentenza, que inclúe a pena de dous anos de cadea e oito de inhabilitación para cargo público por irregularidades nas obras do campo de fútbol de Moraña cando Piñeiro era alcaldesa. Ante os medios, Luisa Piñeiro, que tamén deixa o Partido Popular, defendeu a súa inocencia e anunciou que recorrerá a sentenza.

Luisa Piñeiro anunciaba así pouco despois das 7 da tarde a renuncia ao seu cargo como delegada territorial da Xunta en Pontevedra. Só unhas horas antes coñecíase a súa condena por prevaricación e fraude, con pena de dous anos de cadea e oito de inhabilitación para cargo público por irregularidades nas obras do campo de fútbol de Moraña cando era alcaldesa. Tamén deixa o seu cargo como coordinadora de organización do Partido Popular e abandona a formación.

Piñeiro insistiu na súa inocencia. Explicou que todo o procedemento relativo á obra dependeu da Deputación de Pontevedra, polo que non era responsabilidade súa. Xunto a ela, foi condenado tamén Rafael Louzán, expresidente da administración provincial naquel momento e actual presidente da Federación Galega de Fútbol.

Luisa Piñeiro gobernou Moraña con maioría absoluta dende 2011. En setembro de 2020 deixou a alcaldía para substituír a José Manuel Cores Tourís á fronte da delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra. Tan só dous meses despois celebrouse o xuízo do que hoxe coñecimos a sentenza que podería poñer fin á súa carreira política.