O Concello de Pontevedra aparca o proxecto de peonalización do barrio de Monte Porreiro

PONTEVEDRA>  O Concello de Pontevedra dá marcha atrás e aparca o proxecto de peonalización do barrio de Monte Porreiro. O goberno local recúa ante a presión veciñal. A última protesta contraria a esa medida tivo lugar hai tan só uns días, reunindo a ducias de persoas.

Os veciños mantiveron o pulso e fixeron reaccionar ao concello. O goberno local garda nun caixón o proxecto de peonalización do barrio de Monte Porreiro. O oexecutivo atende as demandas veciñais, que se amosaban contrarias á supresión do tráfico.

O concelleiro argumenta que ese proxecto respondía ás demandas dos propios colectivos da zona, que advertían –por exemplo- de problemas relacionados coa seguridade viaria, en especial na contorna da rúa Alemaña e na rúa Suecia. Co proxecto paralizado, Demetrio Gómez compromete outro tipo de intervencións que dean resposta a outras necesidades da zona.

Lonxe de acougar os ánimos, o anuncio feito esta mañá polo concello xera malestar entre a veciñanza. O presidente da Asociación de Veciños O Mirador lembra que eles opoñíanse á peonalización da rúa Alemaña, pero lamenta que se paralicen tamén outras actuacións que se contemplaban nese plan. Dende a plataforma veciñal Monte Poreiro quere avanzar, tamén contraria á peonalización, din recibir con tristeza a decisión, polo retraso que sufrirá agora a chegada do Modelo Pontevedra ao barrio. Agardan ‘conversas produtivas’ co Concello das que saian, agardan melloras para o barrio e os seus veciños.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí