O sonense Iago López competirá por unha praza nos Xogos Olímpicos de Río

PORTO DO SON> A Xunta de Galicia apoia o proxecto do regatista sonense Iago López e o seu compañeiro Diego Botín para acudir ás Olimpiadas de Rio do próximo ano. A subvención da Secretaría xeral do Deporte sitúa á parella de deportistas máis preto de acadar a única praza que representará a España na súa categoría. O secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete, desprazouse ata Portosín para apoiar ó regatista local, Iago López, que se vén de incorporar ó equipo olímpico. Xunto co seu compañeiro de tripulación, Diego Botín, tentará clasificarse para participar nos xogos olímpicos de Río 2016. Un reto difícil no que contará coa axuda da Xunta de Galicia que aposta pola vela un sector estratéxico para a comunidade. Haberá que agardar ós resultados da primeira proba clasificatoria que se celebrará o próximo mes en Buenos Aires para saber se López e Bandín continúan na carreira por conseguir a única praza para representar a España en Brasil. Dende o o concello de Porto do Son e o Club náutico de Portosín, onde pasou os seus primeiros anos, deséxanlle tódolos éxitos.