O BNG ribeirense demanda melloras na rúa Rosalía de Castro

    RIBEIRA> Os nacionalistas recollen o malestar dos comerciantes da zona que se queixan de que o executivo local mantén no esquecemento a esta rúa. Aspectos como a estreitez das beirarrúas, a falla de limpeza en xeral e de papeleiras, así como tamén os problemas derivados da falla de estacionamento son algunhas das queixas que os comerciantes da rúa Rosalía de Castro lle trasladaron ós membros do BNG nunha xuntanza mantida recentemente. Os nacionalistas consideran que o executivo local debería tomar cartas no asunto e realizar unha actuación integral de mellora nesta zona, xa que se trata dunha das principais arterias comerciais da cidade. Entre outros aspectos os nacionalistas solicítanlle ó equipo de goberno o establecemento da zona azul, a mellora da sinalización horizontal e vertical e a instalación de novas papeleiras e contedores de cartón, que apenas hai. Tamén piden que se actúe na súa limpeza xeral e na mellora das beirarrúas. O BNG ribeirense tamén demanda unha serie de melloras no parque García Bayón, concretamente nas zonas pavimentadas nas que se xeran embolsamentos de auga nos días de chuvia. Ademais solicitan que o concello inste ós responsables das atraccións de feira alí instaladas a que as retiren unha vez concluidas as festas, xa que causan importantes prexuízos tanto a hostaleiros e comerciantes como a residentes en xeral que queren facer uso do espazo público.