POBRA> Apenas a un día do comezo da competición, os equipos participantes na sétima edición do Torneo Internacional de Fútbol Base Congalsa na Pobra xa van chegando á localidade.
Dous deles, ademais os que proceden de máis lonxa, o Real Olé, de Nova Iorque, e o Fursán Hispania de Dubai, que por pimeira vez participan no Campionato, foron recibidos nas instalacións de Congalsa, principal empresa patrocinadora do Torneo, pola directora de Relacións Externas, Isabel Cañas, quen lle desexou unha boa estancia na localidade e unha boa participación no Campionato.
Dende os dous Clubs agradeceron a invitación a poder participar no Torneo, ó tempo que destacaron a experiencia para os nenos, para moitos dos cales é a súa primeira vez fóra do seu país de orixe.
Dende a organización do Torneo, aproveitaron a ocasión para agradecer o apoio de Congalsa, xa que sen a súa colaboración sería practicamente imposible poder desenvolver este Torneo, que co paso dos anos vai a máis, consolidándose coma un dos de maior prestixio da zona.
Pero á parte do seu aspecto deportivo, a importancia deste Torneo está na súa vertente solidaria, xa que todo o recadado no Campionato irá a parar á asociación Aladina, entidade que apoia a nenos con cancro e ás súas familias.
Polas instalacións da Alta pasarán ó longo de toda a fin de semana un total de 37 equipos de categoría alevín, entre os que se atopan clubs chegados tamén de Francia, Portugal ou o resto de España, como é o caso do Real Madrid, Villarreal, ou o Raio Vallecano, entre outros.











