O BNG elimina o Director de Xestión do Museo na súa aposta pola profesionalización

PONTEVEDRA> O novo goberno da Deputación está decidido a profesionalizar o Museo de Pontevedra. O encargado da súa xestión é o grupo nacionalista, que entre as primeiras medidas neste camiño decidiu eliminar o cargo de Director de Xestión. A intención do BNG vai máis aló, e xa estuda as posibilidades para crear un órgano reitor para o Museo que sexa independente e autónomo.

A supresión do cargo de Director de Xestión do Museo de Pontevedra é a primeira medida do BNG para a institución. A decisión será efectiva trala súa aprobación no pleno do venres, e con ela os nacionalistas devolven a dirección a Carlos Valle.

Este é o primeiro paso no camiño da profesionalización do Museo pola que aposta o novo goberno da Deputación. O seguinte será a creación dun órgano reitor que substitúa o antigo padroado. Pero polo de momento non está decidida cal será a súa forma xurídica.

O responsable da área de cultura visitou esta mañá o Museo, coa compañía de Carlos Valle. Ademais de escoitar as súas propostas, Xosé Leal pediu aos traballadores da institución que inicien os preparativos para conmemorar o aniversario da chegada de Castelao a Pontevedra. Unha efeméride que se celebrará o vindeiro ano.

Mosquera e Leal destacaron a importancia e riqueza dos fondos que posúe o Museo pontevedrés que, aseguraron, sitúao moi por enriba da categoría dun museo provincial.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/22/politica_cultural_depo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/22/politica_cultural_depo.mp4{/flowplayer}