Os bombeiros volven reclamar no pleno de Pontevedra máis efectivos para o parque municipal

PONTEVEDRA> Os bombeiros de Pontevedra regresaron hoxe ao pleno municipal. Dende o salón da Casa Consistorial, os seus representantes volveron reclamar ao goberno local un incremento do cadro de persoal para evitar que as quendas queden por debaixo dos mínimos e non ter que facer horas extra de xeito obrigatorio. Foi o PP quen interpelou ao executivo local sobre as medidas a tomar para garantir a seguridade e a saúde dos bombeiros. Un dos momentos máis tensos da sesión plenaria.

Dende o público e tras unha pancarta co lema ‘Bombeiros en loita pola túa seguridade’ os bombeiros de Pontevedra volveron pedir máis efectivos para o parque municipal.

Calculan que para que todas as quendas do parque estean correctamente cubertas, o cadro de persoal debería duplicarse. Actualmente conta con 39 bombeiros que consideran insuficientes.

Precisamente, a interpelación do PP ao BNG sobre as medidas a tomar para garantir a seguridade e a saúde dos bombeiros foi un dos momentos máis tensos da sesión plenaria.

Segundo a concelleira Pepa Pardo, os problemas do parque de bombeiros pontevedrés son estruturais e o concello non está a tomar medidas. E reclamou a Eva Villaverde, edil responsable de persoal, que cese do seu cargo.

Villaverde, pola súa banda, defendeu a xestión do goberno local no que aos bombeiros se refire. Insistiu en que o cadro de persoal está ben dimensionado.