Doce dos acusados polo fraude do gasóleo recoñecen os feitos

PONTEVEDRA> Os tres mandos da Garda Civil de O Barbanza xulgados polo fraude do gasóleo recoñeceron os feitos. Segundo o acordado, asumen unha pena de multa e un ano de suspensión do corpo. Ademais deles, a Fiscalía chegou a acordos con outros nove acusados, que aceptaron penas que van dende a multa aos 19 meses de prisión. A outros cinco retiráronselle os cargos. A vindeira semana o xuízo retomarase só con catro persoas na bancada para xulgar un suposto fraude duns 20 millóns de euros a Facenda na venda de gasóleo hai 15 anos.

 

Acordo para 12 dos acusados no fraude do gasóleo. Na primeira xornada do xuízo recoñeceron os feitos, e aceptaron penas que van dende a multa aos 19 meses de prisión. Entre os condenados están os tres mandos de postos da Garda Civil de O Barbanza. Finalmente asumiron unha pena de multa e un ano de suspensión do corpo ao recoñecer que cometeran o delito que se lles atribúe. Iso si, por imprudencia, ao certificar unhas repostaxes de vehículos do Instituto Armado sen asegurarse.

Ademais do recoñecemento dos feitos, xogaron a favor da redución da pena as dilacións indebidas. Recordemos que a instrución deste caso arrancou hai 15 anos en Ferrol. Esta circunstancia tamén foi a favor doutros cinco dos acusados, que resultaron absoltos.

O xuízo retomarase a vindeira semana só con catro persoas na bancada, entre eles, os dous funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira. Todos continúan a negar a súa implicación nunha trama de venda de gasóleo que funcionou entre 1998 e 2000. Segundo a investigación, a organización adquiría gasóleo agrícola de Mugardos, para despois vendelo en Portugal a empresas que volvían vendelo en Galicia como gasóleo A. Deste xeito evadiron impostos que poderían acadar os 20 millóns de euros defraudados.

A sesión de hoxe arrancou con 21 persoas sentadas na bancada, aínda que inicialmente eran 23 os acusados. Un deles faleceu e outro se atopa en paradoiro descoñecido.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/05/xuizo_fraude_gasoleo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/05/xuizo_fraude_gasoleo.mp4{/flowplayer}