Máis de vinte propostas culturais dan forma a ‘Maio, mes da Lingua’ en Pontevedra

PONTEVEDRA> Pontevedra prepara máis de 20 propostas culturais para celebrar ‘Maio, mes da lingua’. Son actividades para toda a familia facendo especial fincapé nas crianzas, para fomentar o uso do galego entre as novas xeracións. Para dar forma a toda a programación, o concello contou coa colaboración de diferentes colectivos da cidade.
Máis de 20 propostas culturais dan forma a ‘Maio, mes da lingua’, o programa de actividades co que Pontevedra quere celebrar e reivindicar a lingua galega.

A programación prolongarase ata o mes de xuño pero a semana grande será a vindeira, a previa ao Día das Letras. Comezará o xoves 14 co ‘Concerto a 3 bandas’, a cargo do Conservatorio Manuel Quiroga. Será ás 7 e media da tarde na Ferraría.

O 16 de maio haberá dobre proposta. Dunha banda, este ano estréase o Bolboretroula, organizado pola ANPA do colexio de Cabanas. Comezará ás 11 da mañá no parque de Cabanas, con actividades pensadas especialmente para os cativos.

Este ano tampouco faltará a ‘Festa da Lingua’ organizada pola Asociación A Pedreira. Haberá música, xogos infantís, ruadas e unha manifestación con saída ás 6 e media dende a Peregrina.

Unha programación especial dentro da iniciativa Apego, o Correlingua o xoves 21 de maio, a representación ‘Vertixe’ de Teatro con Lingua o 24 á 8 da tarde na Casa Verde de Salcedo, a gala ‘Ben Veñas, Maio’ o sábado 30 ás 6 da tarde no Pazo da Cultura ou as entregas dos premios de relato curto da FAMPA o 4 de xuño e os Mil Primaveras o 13, tamén no Pazo, son outras das propostas deste Maio, mes da lingua.