Mar inicia as obras de reforma e mellora de pantaláns en Testal

NOIA> A conselleira do Mar achegouse esta mañá ata o porto de Testal, coincidindo co comezo das obras de reforma e mellora dos pantaláns deste peirao. A Xunta, a través de Portos de Galicia, investirá nesta actuación uns 350 mil euros.

Acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas; o alcalde, Santiago Freire, e o patrón maior, Santiago Cruz, entre outras autoridades, a titular de Mar quixo hoxe visitar o porto de Testal coincidindo precisamente co inicio das obras de mellora que se van a acometer neste peirao. A actuación, que conta cun investimento duns 350 mil euros, permitirá mellorar as condicións de atraque para unhas 260 embarcacións.

Tanto o alcalde coma o patrón maior agradeceron o investimento, que vén a sumarse ás últimas actuacións xa realizadas na lonxa cun investimento autonómico que superou  os 560 mil euros. 

As obras teñen un prazo de execución de cinco meses e virán a dar resposta ás necesidades do importante sector profesional deste pósito no que traballan preto de 1.500 mariscadores.