O plantón do Consorcio agrava o conflito dos bombeiros comarcais que retomarán as mobilizacións

BARBANZA> O plantón das administracións ó Comité de Folga dos Bombeiros Comarcais non fai máis que agravar o conflito e poñer en serio risco as negociacións. Os representantes da Xunta e das Deputacións que integran o Consorcio Contraincendios non acudiron á xuntanza que se ía celebrar este luns no Consello Galego de Relacións Laborais.

Ante o que cualifican dunha falla de respecto e mostra de desinterese, os representantes dos traballadores acordaron iniciar un calendario de mobilizacións e medidas que se darán a coñecer logo da asemblea que se convocou de urxencia para este mércores.

Segundo o representante do comité de folga, Moisés Fernández, este desplante marca un antes e un despois e evidencia a falla de seriedade das administracións en relación á prestación dun servizo básico como o de emerxencias.