Boiro aproba inicialmente a modificación do regulamento municipal de animais

BOIRO> Sesión tranquila a vivida onte, que serviu ademais para a toma de posesión da nova concelleira do Partido Popular Paula García Alcalde.

O salón de plenos acollía onte pola noite a sesión ordinaria correspondente ó mes de xullo, a última antes do parón de verán. Como vén sendo habitual desenvolveuse nun salón de plenos pechado ó publico a consecuencia da covid e na que os edís mantiveron as medidas de seguridade e hixiene requiridas. Durante a sesión procedeuse ademais á toma de posesión da nova concelleira do Partido Popular, Paula García Alcalde que substitúe a Benigno Miguel González Bermúdez.

A orde do día incluíu apenas seis puntos. Un dos máis significativos foi a modificación do regulamento municipal de animais domésticos e salvaxes en catividade. Resultou aprobado inicialmente, con 5 votos a favor do PSOE e 1 de IC Boiro

O resto de grupos PP, Ciudadanos, BNG e Boiro Novo abstivéronse. A partir de agora ábrese prazo de alegacións por parte de Grupos Políticos e a cidadanía dun mes.

Os edís tamén aprobaron por unanimidade dúas mocións. Unha delas presentada polo grupo municipal de Ciudadanos en relación á fenda dixital e outra de IC Boiro relativa á instalación de placas solares nos edificios públicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí