A Pobra acollerá a partir deste mércores a ‘Semana do Mar’

    POBRA> Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo concello, en colaboración co sector hostaleiro , que incluirá un amplo e variado programa de actividades que van dende degustacións gastronómicas, obradoiros para os máis cativos, exposicións ou eventos deportivos. Este próximo mércores dará comezo na Pobra A semana do Mar, unha iniciativa que pretende aglutinar dous aspectos moi vinculados á localidade como son a tradición e o mar. Sobre estes dous aspectos xirarán boa parte das actividades programadas nas que se incluirán degustacións gastronómicas, obradoiros, exposicións e deportes náuticos, entre outras. A iniciativa coincidirá tamén na fin de semana con outra actividade con maior arraigo na vila, como é a tradicional feira mariñeira. Aínda así haberá diferenzas con respecto a anos anteriores aumentando a outras rúas do concello tanto o seu engalanado como a animación. Outra das novidades será que a celebración da actividade non suporá custe algún para as arcas municipais. Ademais ata o 16 de agosto poderá visitarse na Casa Mariñeira unha exposición de fotografía antiga realizada con fondos do Museo Valle-Inclán, titulada Estampas Mariñeiras e desenvolverase tamén un certame de pintura rápida e técnica libre en diversos espazos da vila.