BOIRO> Outras das citas incluídas na programación da mancomunidade será aGrand Pavois de La Rochelle. Así o acordaron esta mañá en pleno os representantes dos catro concellos que integran a Mancomunidade. Un dos asuntos abordados na sesión foi precisamente aprobar a programación da entidade para os vindeiros meses. Por segundo ano consecutivo arousa Norte volverá a estar presente na Feira de Turismo Internacional de Xapón, JATA 2017, que se desenvolverá do 21 ó 24 deste mes de setembro. Alí os técnicos de Arousa Norte que se despracen ó país nipón manterán intensas reunións de traballo con touroperadores e axentes especializados no ámbito turístico interesados na oferta de ocio, paisaxística e de natureza desta comarca. Ademais, durante este mes de setembro, a Mancomunidade tamén participará en La Rochelle na feira náutica Grand Pavois. Precisamente, neste encontro no que se dan cita navegantes e amantes da náutica de toda Europa, Arousa Norte informará sobre o seu roteiro náutico e tamén presentará un novo material con información especifica sobre as características e servizos dos cinco portos náuticos emprazados nos catro concellos que integran a Mancomunidade. Na sesión tamén se acordou iniciar os traballos para o desbroce e acondicionamento do novo sendeiro polo litoral de Arousa Norte que percorrerá a fachada atlántica dos catro concellos e fíxose unha valoración do número de visitantes que se achegaron ata a comarca nesta datas. Á espera dos datos definitivos que acheguen as oficinas de turismo dos catro concellos, todo parece indicar que as estatísticas foron satisfactorias e se rexistrou un notable incremento de consultas turísticas en Arousa Norte durante este verán. Tamén valoraron moi positivamente eventos coma os Vermús Musicais ou o Circuíto de Carreiras Populares 4 Carreiras e 1 Meta que serviron de elementos de atracción e de ocio para os visitantes que optaron por esta zona.
Inicio Barbanza - Muros - Noia