Éxito da primeira edición do Foro Clave Construtiva

RIBEIRA> O conselleiro de Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Ribeira no  primeiro Foro Clave Construtiva organizado polo Centro Empresarial da Construción do Barbanza. Alí avogou por manter o actual crecemento sustentable e ordenado do sector da construción.

Baixo a organización do Centro Empresarial da Construción do Barbanza a xornada de hoxe tiña coma principal finalidade abordar dous factores claves para o sector, como son as obrigas e dereitos que debe cumprir todo promotor e tamén as novidades no tocante á eficiencia enerxética. Neste primeiro Foro Clave Construtiva tomaron parte empresarios e traballadores da construción e nel contouse tamén coa presenza do conselleiro de Industria, Francisco Conde. na súa intervención aludiu á importancia de que a construción manteña a senda actual de crecemento sustentable e ordenado, convidando ó sector a traballar coa Administración para mellorar en aspectos como a seguridade e a prevención.

Ademais das charlas e xornadas puramente técnicas, o foro completouse tamén cunha exposición no que varias empresas do sector deron a coñecer as súas propostas e produtos relacionados cos dous aspectos abordados no foro como son a seguridade e a prevención de riscos e a eficiencia enerxética.