As confrarías galegas celebrarán este próximo sábado eleccións

BARBANZA> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, agarda que o proceso para elixir as súas directivas transcorra con normalidade e se rexistre unha participación alta. Este próximo sábado celebraranse eleccións para a renovación dos órganos rectores nas 63 confrarías de pescadores existentes en Galicia. Nos comicios votarán máis de oito mil traballadores-mariñeiros e mariscadores-, e preto dos catro mil armadores. Unha parte importante dese censo votará nas rías de Arousa e Muros-Noia, onde xa hai máis dunha ducia de confrarías. Os pósitos de Noia e a Illa de Arousa serán, por esta orde, as confrarías con maior participación neste proceso electoral. Na vila noiesa farano máis de mil cincocentas persoas e na Illa preto das novecentas, sumando nos dous casos produtores e empresarios. Será unha xornada importante, que dende a consellería do Mar agardan que transcorra con normalidade e sen que se rexistre ningún incidente. Do resultado destes comicios dependerá en boa medida que haxa tamén cambios nos órganos de dirección das confrarías, como é o caso das Federacións Provinciais ou a  propia Federación Galega, onde se toman as decisións máis importantes para o futuro do sector.