A Xunta e ANFACO fomentan o consumo das conservas entre os cativos

    BOIRO> A campaña, baixo o nome ‘Ponlle as pilas ó teu bocata’, desenvólvese por quinto ano consecutivo por todo o territorio galego. Por quinto ano consecutivo a consellería de Medio Rural e do Mar, en colaboración coa Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, ANFACO-CECOPESCA, están a desenvolver por toda a comunidade diversos obradoiros enmarcados na campaña ‘Ponlle as pilas ó teu bocata’, a través da cal pretende promoverse o consumo de conservas na dieta dos máis cativos. Nun acto celebrado na casa de cultura de Boiro a titular de Mar, Rosa Quintana, participou nun destes obradoiros nos que se trata de achegar ós pequenos dun xeito ameno os valores nutritivos das conservas, así coma as súas distintas formas de presentación, a través de actividades de elaboración de bocadillos de conservas nas que se busca a súa maridaxe con outros produtos da terra. A campaña ‘Ponlle as pilas ó teu bocata’ lévase desenvolvendo na nosa comunidade dende o ano 2010 e neste período chegou a máis de corenta mil nenos. As previsións indican que outros once mil rapaces participarán nos obradoiros ó longo dos meses de xullo e agosto deste ano, que se complementarán con excursións a zonas costeiras e visitas a museos.