RIBEIRA> O concello de Ribeira oferta 200 prazas para favorecer a conciliación das familias durante este verán. Ademais do Campamento Xoga con Nós e do Camp of Cultural Summer, que cubirrán os meses de xullo e de agosto, ofrecerá un campamento urbano par a última semana de xuño e a primeira de setembro.
Este luns abre o prazo para inscribirse en calquera dos campamentos de verán que oferta o concello de Ribeira para favorecer a conciliación das familias durante a tempada non lectiva. O Xoga con Nós para nenos de 3 a 8 anos e o Camp of Cultural Summer para os rapaces de 8 a 12.
Ademais de incrementar as prazas ata as 200 este ano o concello ampliou tamén a duración dos campamentos engadindo á tradicional oferta de xullo e agosto un campamento urbano durante a última semana de xuño e a primeira de setembro.
Os horarios serán de nove a dúas, con posibilidade de deixalos e recollelos con media hora de marxe para as familias que o necesiten.
Ofrecerán tamén servizo de madruga e comedor sempre e cando haxa suficiente demanda para formar grupo. Os campamentos están subvencionados polo concello de Ribeira polo que os prezos son os máis axustados posibles. A opción máis cara que implicaría á asistencia dende o 23 de xuño ó 7 de setembro, oscila entre os 180 e os 200 euros. Haberá descontos para colectivos especiais e segundo irmán. Pódese consultar toda a información na web www.ribeira.gal