Ribeira acollerá a XXVI Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña

RIBEIRA> A cita, que terá lugar este próximo domingo, foi presentada esta mañá na sede da institución provincial. Un total de sete clubes de remo da provincia da Coruña entre os que se atopan o Club de Remo de Rianxo, o Club de Remo de Cabo de Cruz e o Club de Remo Puebla, disputarán este próximo domingo en Ribeira a tradicional Bandeira de Traiñas da Deputación da Coruña, que este ano chega á súa vixésimo sexta edición. O evento foi presentado esta mañá, na sede da institución provincial polo deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, e o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas Galán. A arrancará ás doce do mediodía e disputarase na zona comprendida entre o porto de Ribeira e a praia de Coroso, o que facilitará unha boa visibilidade da proba, cun precorrido total de tres millas náuticas, distribuido en seis longos de 926 metros e cinco ciabogas. Ademais dos clubs da zona tomarán tamén parte na proba equipos coma o Club de Regatas Perillo, o Centro Deportivo Mariñeiro de Mera, o Club do Mar de Mugardos e o Club de Remo de Ares. A Deputación destinará a premios uns trece mil euros. Tódolos clubs recibirán unha compesación económica por participar na competición, que será maior segundo o posto que acaden na clasificación final, establecéndose un premio para o gañador da bandeira duns 3.200 euros. O segundo clasificado terá 2.000 €, o terceiro 1.800 €, o cuarto de 1.600 €, o quinto de 1.400 €, o sexto de 1.200 € e o sétimo clasificado de 1.000 euros.