Co paso dos días, cada vez menos posibilidades de atopar a Manuela con vida

BOIRO> A mellora das condicións climatolóxicas permitiu que o helicóptero da Garda Civil puidera traballar hoxe tamén nos labores de rastrexo. Van alá xa tres días dende que se iniciara a busca de Manuela Lorenzo, a septuaxenaria desaparecida en Bealo, e os resultados seguen a ser negativos. Nada se sabe do seu paradoiro dende a fin de semana. Despois de tres días de intensa busca, o cansazo, a tristura e a desesperación comezan a facer mella en familiares, amigos e veciños da desaparecida que colaboran activamente coa Garda Civil e o Grupo Municipal de Emerxencias nos labores de rastrexo. Apenas queda un palmo de terreo na aldea e na parroquia que non fora revisado e o resultado segue a ser insatisfactorio. A pesar de que co paso dos días aumentan tamén as posibilidades de non atopala con vida, o dispositivo de busca continuará varios días máis.