Unha veciña de Cambados confesa que prendeu lume á casa dos pais con eles dentro

CAMBADOS> Unha veciña de Cambados detida por provocar o lume que a primeira hora desta mañá arrasou unha vivenda en Corvillón. Ela mesma persoouse no cuartel da Garda Civil para inculparse do suceso. A casa é propiedade dos seus pais e o incendio provocoulle importantes danos estruturais. A pesares de que quedou practicamente inhabitable, non hai que lamentar danos persoais. O concello xa traballa para atopar unha residencia temporal para o matrimonio de oitoxenarios.

As alarmas saltaron no lugar das Laxes, na parroquia cambadesa de Corvillón pouco antes das 7 da mañá. Foron os veciños os que deron aviso ao 112 Galicia despois de escoitar berros de auxilio.

No momento do suceso estaba na casa un matrimonio de oitoxenarios acompañados da súa filla de 40 anos, pero non houbo que lamentar danos persoais. Non se coñecen as causas do incendio, aínda que si se sabe que esta muller persoouse de xeito voluntario no cuartel da Garda Civil de Cambados para confesarse autora do lume.

Os primeiros informes apuntan a que a casa quedou inhabitable. Agora o departamento de Servizos Sociais do concello de Cambados traballa para atopar unha vivenda temporal para o matrimonio.

As causas do lume están a ser investigadas pola Garda Civil. No operativo de extinción e posterior apuntalamento da vivenda participaron efectivos de Bombeiros do Salnés e de Protección Civil de Cambados.