A ILLA DE AROUSA> Unha muller faleceu nun incendio declarado na súa casa, na Illa de Arousa. A vítima é unha octoxenaria que vivía soa. O lume calcinou o cuarto no que se atopaba a anciá. Os efectivos sanitarios tentaron reanimala, pero nada puideron facer por salvarlle a vida.
Pasaban uns minutos das 5 desta madrugada cando o 112 recibía unha chamada alertando dun incendio nesta casa das Laxes. Unha muller faleceu a consecuencia do lume. A vítima, de 82 anos, vivía soa, aínda que era moi frecuente a visita dunha filla. Ata o lugar dos feitos desprazáronse efectivos sanitarios, a Garda Civil, Protección Civil e tamén os Bombeiros do Salnés.
O incendio declarouse no cuarto no que durmía a vítima. Os servizos de emerxencia cren que o lume se puido orixinar nunha manta eléctrica, a consecuencia dun curtocircuíto. Con todo, e mentres continúan as investigacións, non se descarta ningunha hipótese.
As lapas calcinaron a estancia case que por completo: unicamente se puido salvar un armario. O resto da vivenda tamén se viu afectada pola acumulación de fume.
A veciña desta casa, pegada á da vítima, que preferiu non facer declaracións diante da cámara, apuntou que o cheiro ó fume mesmo se pode percibir dende o interior da súa propiedade. Con todo, as lapas non danaron as vivendas lindeiras.