Máis de 2.000 rapaces participan na VBC, que volve a Fexdega

VILAGARCÍA> Hoxe foi presentada a Vilagarcía Basket Cup. Dúas grandes novidades este ano: por unha banda a supresión do torneo internacional, polo que as categorías de base terán un maior protagonismo. A outra: a volta da competición ó recinto feiral de Fexdega, tras pasar o ano pasado por Fontecarmoa.

{flowplayer}images/salnes/BasketCup_040412.flv{/flowplayer} 

O alcalde de Vilagarcía Tomás Fole presentou de xeito oficial a Vilagarcía Basket Cup, acompañado por membros da organización, polo edil de deportes Luis Garrigós e pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia Susana López. O evento dará comezo mañá xoves en Fexdega e prolongarase durante tres días, dando a cabida a máis de 150 equipos e 2.000 rapaces.

A gran novidade deste ano é a ausencia do torneo internacional. As razóns que obrigaron á súa supresión non son máis que económicas, polo que o torneo perderá brillo neste aspecto. En contrapartida o evento volve a Fexdega onde xa están instaladas dez canchas de baloncesto, catro reglamentarias onde se disputarán os torneos sub-18, sub-16 e sub-14 e seis de minibasket onde actuarán os máis pequenos. En total xogaranse 250 partidos en 72 horas.

Susana López, Secretaria de Igualdade valorou moi positivamente que este ano o torneo conte co mesmo número de equipos masculinos e femeninos.

Deportivamente o torneo máis interesante será o sub-18. Un total de 48 conxuntos participarán nesta Future Stars masculina. Entre eles, un representante inglés, os London Pioneers. Competirán tamén representantes cántabros, castelán-leoneses e asturianos xunto ós clásicos galegos, como Marín ou BBC. Os primeiros encontros darán comezo mañá ás 19:30.

No sub-18 femenino acuden dous clubes de Madrid, o Cref e o Distrito Olímpico, mentres que nas categorías cadete, infantil e base predominarán os conxuntos galegos.

Redacción Salnés