Cambados buscará fórmular para evitar que o Albariño ‘desborde’ a vila

    CAMBADOS>

     

    A Festa do Albariño 2015 bateu récords de afluencia e superou tódalas previsións marcadas, tanto de afluencia de visitantes como de botellas de viño vendidas. O sábado foi a xornada clave. A vila veuse desbordada, con atascos de ata cinco quilómetros para acceder ó municipio entre as cinco da tarde e as dúas da madrugada, un Paseo da Calzada inzado e copas de viño que se chegaron a esgotar en torno ás nove da noite. Desde o goberno local están satisfeitos pola gran acollida da celebración, pero resístense a falar de éxito, ou cando menos fano con cautela. O acontecido o sábado levounos a reflexionar sobre o modelo de festa e a necesidade de buscar fórmulas para diversificar os fluxos de xente entre distintas zonas do municipio, e lograr que predomine o fin da celebración: a exaltación do viño.

     

     

    Indicativo da asistencia de público son as toneladas de lixo recollidas durante os días da celebración. Superáronse as 100 toneladas de media de anos anteriores. Pero é que só o sábado se xeraron máis de 36 mil quilos, case tanto como os tres días anteriores xuntos (37.640 quilos). Desde o concello destacan o gran traballo realizado polo persoal de limpeza, que se reforzou para contar con 50 operarios. Lograron manter o municipio en condicións durante a celebración, aínda que nalgunhas zonas aínda hoxe estaba a rematar esas labores de acondicionamento.

     

    Récord tamén na venda de viños nas casetas. A falta do reconto definitivo, a organización estima que se consumiron entre 80.000 e 85.000 botellas, case un 20 por cento máis que anos anteriores.

     

    En canto á seguridade e emerxencias, desde o concello salientas que non houbo incidencias significativas, á marxe de tres accidentes de tráfico leves. Pero esta primeira experiencia para o novo executivo xa lles valeu para tomar nota. Na vindeira edición plantean instalar máis contedores noutras zonas como a Praza de Fefiñáns, habilitar tamén máis baños públicos e elaborar un plan de tráfico.

     

    Coa celebración concluída e, superada, segundo o goberno local, con éxito de organización malia ter un mes para preparala, aseguran que en próximos días xa comezarán as reunións para pulir detalles e traballar na edición número 64. sen perder de vista o proxecto de conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. Pero para iso, é preciso incidir na promoción a nivel mundial do evento.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/04/BALANCEALBARINO.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/04/VALORACION_ALBARINO.mp4{/flowplayer}