O Rockin’ Vila arrancará mañá a XXI Festa do Mexillón de Vilanova

    VILANOVA> En Vilanova o mexillón será o protagonista da fin de semana. Neste caso compartirá a Festa co Berberecho, cumprindo a súa vixésimo primeira edición e estreando o selo de Interese Turístico de Galicia. A carpa gastronómica estará aberta dende este xoves ao domingo, cando se entregarán as insignias de ouro do mexillón. Mentres, a comida e a boa música non faltarán na vila arousá.

     

    A Festa do Mexillón e do Berberecho cumpre xa vinteun anos en Vilanova. Dende o xoves ata o domingo, estes moluscos serán os protagonistas na carpa gastronómica que volverá ocupar o Xardín Umbrío.

    O día grande da festa será o domingo. A organización entregará as insignias de ouro do mexillón, que este ano recaen na adega vilanovesa Gran Vinum, gañadora dunha medalla de ouro na Festa do Albariño do 2013, e no bateeiro Francisco Bermúdez. Tamén recollerá este galardón o xornalista Carlos Portas, natural da vila, que fará de pregoeiro.

    Tampouco faltarán na cita a relixión ou a música. O sábado celebrarase a Festa do Carme, coa tradicional procesión marítimo-terrestre ás 7 da tarde. Pola súa banda, a música virá da man do grupo Milladoiro, o venres no Xardín Umbrío, e do festival Rockin’ Vila, que cumpre a súa segunda edición. Esta cita será xa mañá no Parque do Cabo a partires das 9 e media da noite, e serán os encargados de dar comezo ás festas. O cartel: Nao, Terbutalina, Biribirlocke, Aspergillus e Doen.

    A entrada será de balde e a organización preparará tamén unha zona de acampada no Terrón.

    Para facer promoción do festival, a Asociación PIB Crew ven de publicar un vídeo nas redes sociais que conta coa participación do párroco da vila, Don Tucho. Un cameo que está a chamar moito a atención e grazas ao que o vídeo non está a pasar desapercibido para ninguén en Vilanova e arredores.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/05/festa_mexillon_vilanova.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/05/festa_mexillon_vilanova.mp4{/flowplayer}