VILAGARCÍA> Nova polémica polo peche de camas no Hospital do Salnés. Segundo unha denuncia da xunta de persoal, as matronas e o equipo de obstetricia do centro recibiron a orde de enviar a Pontevedra os novos partos, e incluso trasladar a nais e recén nados. Pola súa banda, dende o Servizo Galego de Saúde negaron que se dera esta orde.
O peche da terceira planta do Hospital do Salnés xa afecta á súa actividade. A xunta de persoal denuncia a nova orde que recibiron as matronas e o equipo de obstetricia do centro: trasladar a Pontevedra os novos partos.
Tras facer pública esta situación, a xunta de persoal asegura que a orde limitouse a deixar ingresadas ás mulleres no paritorio en lugar de trasladalas a planta. Os profesionais denuncian que esta é una consecuencia directa do peche de camas e dos recortes en sanidade, pero non a única. Outros servizos estanse a ver afectados por esta decisión.
O peche da terceira planta supón a anulación das trinta camas. Tamén a redución de persoal, coa finalización de contratos e as vacacións dos profesionais. Por iso a xunta de persoal pide aos pacientes que non calen ante estas situacións.
O Sergas, pola súa banda, nega que se dera esta orde. Dende a Xerencia da área integrada Pontevedra-Salnés aseguran que as prazas son suficientes, e que a asistencia sanitaria está garantida na comarca.