Noia Histórica e o concello colaboran na loita contra as falsificacións

    NOIA> Noia Histórica e o concello colaborarán na loita contra a falsificación de produtos. Responsables da patronal mantiveron unha xuntanza con representantes do executivo para transmitirlle a súa preocupación ante a proliferación de postos de venda ilegais de cara as festas. En colaboración coa policía local articularán unha serie de medidas para evitar a competencia desleal. Hai anos que os comerciantes de Noia veñen manifestando a súa preocupación pola venda de artigos falsificados nos postos ambulantes que se instalan na vila durante as festas de verán que se celebran a finais de agosto. Os directivos de Noia Histórica reuníronse con membros do novo goberno local para transmitirlle as queixas dos empresarios que se ven afectados por esta actividade ilegal. Os representantes do concello comprometéronse a incrementar os controis e medidas disuasorias en colaboración coa policía local para evitar a venda destas mercadorías. Nos vindeiros días manterán unha nova xuntanza para analizar as medidas de actuación propostas.