Turismo aposta pola consolidación de Arousa Norte como destino accesible

    BOIRO> A Axencia Galega de Turismo e Mancomunidade Arousa Norte asinaron un convenio de colaboración, por valor de setenta e cinco mil euros, para avanzar na dinamización turística na comarca. O acordo centrarase en dúas liñas de traballo: a accesibilidade e a promoción cultural e deportiva. O convenio asinado, con vixencia ata o mes de outubro, afondará na promoción turística do Barbanza a través de dúas liñas. A primeira; a de seguir consolidando Arousa Norte como destino accesible de referencia cunha oferta adaptada para persoas con discapacidade visual ou auditiva. A outra liña de traballo no convenio contribuirá a mellorar a difusión de Arousa Norte a través de internet e explotará a vertente turística dos eventos deportivos e culturais como factor de atracción de visitantes. A axencia galega de turismo achegará sesenta mil euros e a mancomunidade quince mil para a posta en marcha destas accións. A continuidade desta colaboración reside nos éxitos acadados por Arousa Norte nos últimos anos cunha aposta decidida por desestacionalizar o turismo. Os datos revelan que o turismo na comarca segue cunha tendencia á alza. Durante o pasado ano Arousa Norte recibiu preto de catrocentos mil visitantes mentres que no primeiro semestre do ano xa rexistrou un incremento de preto dun oito por cento no número de turistas que visitaron a bisbarra.