A Pobra acolle esta fin de semana dúas probas da Liga Galega de Bateis

A POBRA> Os afeccionados ó remo teñen esta fin de semana dúas citas na Pobra. O sábado disputarase a sexta bandeira de bateis do concello que forma parte da liga galega. O domingo terá lugar a final de finais na que participarán equipos de toda a comunidade.

Máis de mil remeiros pasarán esta fin de semana pola Pobra para participar en dúas probas que forman parte da Liga Galega de Bateis. O sábado terá lugar a 6ª bandeira de bateis concello da Pobra na que participan os clubs da zona norte de Galicia mentres que o domingo disputarase a final con equipos de toda a comunidade.

Trátase da segunda edición da liga de bateis coa que a Federación Galega de Remo pretende fomentar o deporte base tanto masculino como feminino.

Dende a Federación destacaron ademais a garantía de éxito que supón a elección da Pobra para acoller estas probas non só polo seu excelente campo de regatas senón tamén polo gran labor organizativo do Club de Remo Puebla.