Unha unidade especial de rastrexo incorpórase á busca de Manuela Lorenzo

    BOIRO> Unha unidade especial de rastrexo de restos biolóxicos participa na busca da muller desaparecida en Bealo dende hai dúas semanas. Coa axuda dun can especializado en investigación, a Garda Civil confía en achar algunha pista sobre o paradoiro de Manuela Lorenzo. Elton é un dos catro cans especializados neste tipo de investigacións dos que dispón a Garda Civil en toda España. Durante toda a xornada percorreu as inmediacións da vivenda de Manuela Lorenzo desaparecida dende o pasado vinte e cinco de xullo co obxectivo de achar algún indicio que permita dar co seu paradoiro. Polo momento non hai novidades no operativo de busca polo que está previsto que esta unidade especial, desprazada dende Madrid, continúe traballando na zona nos próximos días. A Garda Civil abriu novas vías de investigación sen descartar ningunha hipótese ante a falla de indicios sobre o acontecido con esta veciña do lugar de Boimazán, na parroquia de Bealo, da que nada se sabe dende hai quince días.