Un vehículo en sentido contrario provoca un accidente na autovía do Barbanza

    RIBEIRA> Aparentemente e a pesar da aparatosidade do accidente ningún dos ocupantes dos dous vehículos sinistrados sufriron danos de consideración, aínda que foron trasladados en ambulancia ó hospital da Barbanza. O accidente tiña lugar ó redor das dez desta mañá. A esa hora o 112 recibía unha sinal de alerta por unha colisión entre dous vehículos na autovía do Barbanza, á altura da saída de Palmeira, polo que mobilizou ós equipos de emerxencias. Ata o lugar desprazáronse varias dotacións do parque de Bombeiros de Ribeira, o Grupo Municipal de Emerxencias e a Policía Nacional, así como tamén a Garda Civil de Tráfico. Ó parecer todo apunta a que o conductor dun dos turismos implicados, duns 70 anos de idade, circulaba en sentido contrario, o que provocou unha colisión frontal contra outro coche que conducía unha moza duns trinta anos que si transitaba correctamente polo seu carril e que non puido evitar esquivalo. Os dous condutores tiveron que ser trasladados ó hospital da Barbanza con diversas feridas a consecuencia do choque, aínda que non parecían de gravidade. A consecuencia do accidente a autovía quedou pechada ó tráfico durante varias horas debido ós traballos de retirada dos vehículos e limpeza da calzada, polo que a circulación foi desviada polo saída de Palmeira.