Prezos estables a pesar do incremento da demanda de marisco

    POBRA> A chegada do mes de agosto, coa afluencia de turistas, tradúcese nun aumento das vendas de marisco. Sen embargo, este incremento da demanda non está a repercutir nos prezos que se manteñen ou mesmo baixan con respecto ó resto do ano. Durante os meses de verán, especialmente en agosto, é habitual ver turistas polos mercados da comarca en busca de peixe e marisco da ría. Aínda que en anos anteriores, este exceso de demanda provocaba unha suba nos prezos o certo é que polo de agora as cotizacións mantéñense estables e, no caso dalgunhas especies como a ameixa babosa, experimentaron mesmo un descenso. Na confraría da Pobra sospeitan que a entrada de produto foráneo esta detrás desta tendencia á baixa. Os propios compradores destacan o asequible dos prezos, lixeiramente inferiores a anos anteriores, e moi por debaixo do que poden atopar nos seus lugares de procedencia.