RIANXO> A Garda Civil volveu á nave de Asados na que apareceu o corpo sen vida de Diana Quer para realizar unha inspección ocular, a solicitude da acusación particular. Durante máis de catro horas axentes da policía científica estiveron percorrendo as instalacións, tanto no interior coma nos seus arredores, en busca de probas que puideran despexar calquera incógnita sobre o acontecido.
A nave de Asados en cuxo interior se atopaba o pasado 31 de decembro o corpo sen vida de Diana volveu acaparar durante a mañá de hoxe a atención mediática. Ás nove e media iniciábase a inspección ocular a solicitude da acusación particular do caso, na busca de calquera indicio que permitise aclarar as circunstancias da morte da moza madrileña. Durante as máis de catro horas nas que se prolongou o rexistro foron contínuas as entradas e saídas de axentes da policía científica, que estiveron tamén arroupados pola unidade canina, que rastrexou tanto no interior coma nos arredores da nave en busca de probas.
Ademais dos axentes do Instituto armado, na mesma tomaron parte tamén o xuíz titular do Xulgado Número 1 de Ribeira que é o que instrúe o caso e o avogado dos pais de Diana, Ricardo Pérez Lama. Segundo el o paso do tempo e o feito de que a nave fora limpada hai xa varios meses polos seus propietarios DE SEGURO dificultará a investigación.
O propio avogado referiuse tamén a que xa teñen solicitada a reconstrución dos feitos, para a que si sería necesaria a presenza do autor confeso do crime, aínda que este pode negarse a realizala.
O que si se sabe despois de que se coñecese parte do informe da autopsia é que Diana morreu estrangulada, sen trascender polo de agora se a realizou coas súas propias mans ou coa brida que se atopou somerxida no interior do pozo xunto ó cadáver. Un feito que desmonta a versión do atropelo dada inicialmente polo Chicle ante a Garda Civil. Polo momento non se confirma a agresión sexual polo que será preciso realizar novas probas forenses. O corpo de Diana foi trasladado durante a madrugada ata Madrid onde foi soterrada nun funeral íntimo, por expreso desexo da familia, ó que só asistiron os máis achegados.
O avogado dos pais de Diana tamén se referiu á decisión do xuíz de non imputar á Rosario Rodríguez, a muller do Chicle como posible autora e cómplice do seu home. Ricardo Pérez Lama sinalou que están estudando a posibilidade de recorrer esta decisión, ó seu parecer tomada de xeito precipitado.