O PP de Boiro pide explicacións sobre o estado dos depósitos de auga

BOIRO> O PP de Boiro demanda ó executivo que acometa melloras na rede de abastecemento e na captación do río Coroño para garantir o subministro de auga. Denuncian tamén a fala de información sobre o estado do depósito de Trebonzos no que, ata en tres ocasións, se detectou a presenza de substancias que comprometen a potabilidade da auga.

Hai xa tempo que o PP de Boiro vén denunciando o mal estado da rede de abastecemento de auga con problemas de presión e subministro que se agravan cada verán. Os populares esixen ó goberno un investimento para mellorar a captación do río Coroño, tal e como vén de facer a Xunta na ETAP de Padrón para garantir o axeitado subministro dun servizo básico como a auga.

Pero as denuncias dos populares van máis alá dos problemas de subministro e escaso caudal, referíndose a varios informes realizados por Espina e Delfín tralos resultados das análises dun depósito de Trebonzos que cualifican a auga como non apta para o consumo.

Esixen ó goberno que adopte as medidas necesarias para garantir a potabilidade da auga así como unha información clara e transparente ós veciños, ante os riscos que esta situación podería supoñer para a saúde pública.