Juan Antonio Gude e Lara Buig gañadores da carreira popular de Corrubedo

RIBEIRA> A segunda edición da Carreira Popular de Corrubedo disputada esta pasada fin de semana reuniu a preto dos catrocentos corredores. A maioría deles tomou parte na categoría absoluta. O percorrido de 11’3 quilómetros, tiña coma punto de partida e chegada a zona do porto, debendo atravesar ademais lugares tan atractivos como O Corgo, Balieiros, a praia de Corrubedo, o entorno do parque natural ou o faro de Corrubedo. Na categoría masculina o vencedor absoluto foi Juan Antonio Gude Vila, do club Monte Penarubia, cun tempo de 41:34. A segunda praza do podio foi para Rodrigo Ares Mateos, de Rosales Run, que completou un rexistro de 42:04; mentres que a terceira posición foi para Ernesto Buceta Pouso, independiente, cunha marca de 44:17. Na categoría feminina a gañadora absoluta foi Lara Buig Fernández, de S.D. Barbantia Roda, con 56:00. A continuación chegou Natalia Lorenzo Pérez, de Milladoiro, que completou o percorrido en 01:01:31, mentres que o terceiro posto do podio foi para Iria Senra Martínez, de Run Trastes, que parou o cronómetro en 01:03:21. A cita estivo organizada pola asociación O Cabo coa colaboración do concello de Ribeira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí