Mosquera felicítase sobre o terreo do bo avance da ampliación do Hospital do Salnés

    VILAGARCÍA> As obras de ampliación do Hospital do Salnés avanzan segundo o previsto. Cando menos, iso afirmou esta mañá a Conselleira de Sanidade. Rocío Mosquera visitou os traballos que se están a realizar no centro hospitalario, centrados agora na construción dun novo edificio para acoller o servizo de urxencias máis amplo. Sobre se esta ampliación irá acompañada dun incremento da plantilla, Mosquera asegurou que se abordará esta cuestión cando se poñan a funcionar as novas instalacións.

     

    Visita institucional da Conselleira de Sanidade ao Hospital do Salnés. Rocío Mosquera felicitouse polo avance das obras que, asegurou, cumpren as previsións.

    A Xunta está a investir 7.8 millóns de euros nesta ampliación, procedentes de Fondos Europeos Feder. A obra está agora na primeira fase: a construción dun novo edificio que acollerá o servizo de urxencias.

    Máis capacidade e máis servizos que, polo de momento, non se acompañarán dun incremento de profesionais. Mosquera non quixo pór data a unha suposta ampliación do plantel.

    Tampouco falou de solucións para os problemas de aparcadoiro do centro. Conselleira e alcalde de Vilagarcía comprometéronse a traballar na procura dun arranxo. Tamén no que se refire á construción dun novo centro de saúde.

    Na mesma situación está o concello da Illa, que reclama un novo centro de saúde. Polo de momento, ningún dos dous está incluído nos quince que está a construír o SERGAS en toda Galicia, aínda que Mosquera comprometeuse a manter reunións cos gobernos locais para valorar as posibilidades.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/19/rocio_mosquera_hospital.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/19/rocio_mosquera_hospital.mp4{/flowplayer}