Ravella, satisfeita co balance do que levamos de Festas de San Roque

    VILAGARCÍA> As Festas de San Roque en Vilagarcía xa están no seu ecuador. Botando a vista atrás, o concello está máis que satisfeito co éxito e a afluencia de público en dúas das citas máis importantes do programa: a Festa da Auga e a Festa da Ameixa de Carril. Hoxe  é Siniestro Total quen porá música á noite, pero as actividades continuarán ata o domingo, agardando a chegada do concerto de Delafé y las Flores Azules, o Combate Naval do sábado ou o desfile de carrozas para despedir de xeito oficial as Festas de San Roque.

     

    O emblemático grupo Siniestro Total é o encargado de pór a música esta noite en Vilagarcía, animando o ecuador das Festas de San Roque. A día 19, xa quedaron atrás dúas das citas máis importantes, a Festa da Auga e a da Ameixa de Carril, deixando bo sabor de boca en Ravella.

    A programación familiar continuará mañá cos Superroquiños e a actividade “Os Musicontos fan o Camiño”. No eido musical, Delafé y las Flores Azules pecharán o día e o ciclo de concertos na Xunqueira.

    Pero a música continúa. O venres dende a praza de Galicia a Banda de Música, o Orfeón de Voces Graves de Arousa e o grupo de baile Embruxo presentarán o espectáculo “Raíces”, unha volta ás orixes da tradición galega.

     O venres tamén arranca en Vilaxoán o festival de As Revenidas, con máis de vinte concertos para a toda a fin de semana, sen esquecer a tradicional sardiñada do sábado no parque de Dona Concha.

    Co Combate Naval na medianoite do sábado e o desfile de carrozas do domingo, as Festas de San Roque despediranse de xeito oficial.

    Para completar a programación do verán, a vindeira semana o concello montará a zona Chill Out, que este ano se traslada ao porto deportivo. A Festa da Solidariedade e a Noite Meiga o sábado 29 pecharán definitivamente as festas de Vilagarcía.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/19/cultura_vilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/19/cultura_vilagarcia.mp4{/flowplayer}