CAMBADOS> Administración, empresa e investigación son os tres piares clave para o futuro do medio rural galego. Este venres, en Cambados, as tres partes estiveron representadas na sétima Xornada Tiple Hélice, centrada na innovación e o desenvolvemento sostible. Trátase dunha iniciativa impulsada polo Foro Empresa Pontevedra, que acolleu a adega Martín Códax.
Administración, empresa e investigación son os tres piares da Xornada Triple Hélice, centrada no desenvolvemento do rural galego. A sétima edición deste encontro celebrouse este venres na Adega Martín Códax, en Cambados. Impulsado polo Foro Empresa Pontevedra, o que se busca é a unidade entre todos os actores implicados na procura dunha folla de ruta para o impulso socioeconómico do rural.
O desenvolvemento sostible foi un dos eixos do debate. Tamén a incorporación a curto e medio prazo das innovacións que xa están ao alcance dos sectores produtivos que se asentan no medio rural.
O Doutor De Ron, investigador do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia actuou de moderador da principal mesa da xornada, na que estiveron representadas as tres hélices nas que se asenta o futuro do rural. Por parte da administración tomou a palabra a Conselleira do Medio Rural. María José Gómez tamén puxo o foco na importancia da innovación para o futuro dos sectores produtivos do rural.
Compartindo faladoiro coa conselleira, César Iglesias, director da Fundación Infiar; e Marta López, do Instituto iTerra da USC. Un proxecto que basea o seu traballo na saúde globlal, entendendo o benestar das persoas, os animais e o medio ambiente como unha única saúde.
Nesta xornada tamén se puxo ao sector vitivinícola galego como exemplo de innovación e adaptación ao cambio. Un espello no que poden mirarse outras patas da economía do rural.
Precisamente a xornada rematou cunha visita guiada polas instalacións de Martín Códax, que deu paso a unha cata ofrecida por un sumiller profesional.











